27.6.07

Un descanso no blog ata agosto


Que paramos poralgún tempo, porque son momentos de vacacións para os asalariados. Outros non teñen nen esa sorte. Hainos que traballan no veran. Pero os que administramos este blog imos descansar un pouco. A volta viremos con máis forza. Esperamos acertar nos debates tanto internos (asambleas) como neste sitio.
Para Setembro empezaremos coa vida publica. Esperamos poder traer a debate os temas que a nos parecenos necesarios. Estade tranquilos que non repetiremos os debates pre-electoráis e post-electoráis dos partidos. Seguro que todos temos outras cousas na cabeza.
Recomendamos para este tempo (e para todos) algo máis de lectura, moita menos TV, e moitos paseos polo monte e pola praia. De momento non hai que pagar (ata que a alguén se lle ocurra).
A quen lle guste internete , tedes un monton de paxinas contra-informativas. Así que haberá que lembrar que mentras descansamos, outros siguen a morrer de fame e nas putas guerras que os nosos democraticos gobernantes dicen non saber como parar.
Non deixedes de volver a esta paxina . Non morre pero vai de vacacions.
Saude

2 comentarios:

Anónimo dijo...

A DERROTA ELECTORAL DA ESQUERDA EN BETANZOS
Outra ollada disidente

Aínda que o Ateneo Libre Pensamento opte pola acción política dende fora das institucións, non pode deixar de ter en conta o contexto político local no que pretende desenvolver a súa actividade. Por iso, coido oportuno abordar a análise da situación da esquerda local en Betanzos e a súa última derrota electoral despois de máis de 24 anos de hexemonía no goberno municipal.

Ben sei que é moi cuestionable dicir que o PSOE de Betanzos representa a esquerda política. Esta non é a cuestión que quero abordar aquí, pero durante moitos anos foi a única organización política en activo en Betanzos que se identificou coa esquerda polos seus propios militantes e por grande parte da cidadanía. É o que hai.

En calquera caso, a victoria do PSOE nas eleccións municipais de 1983 tivo un importante significado simbólico para toda a esquerda en Betanzos que transcendeu do ámbito partidario. Producíase no contexto do fin do proceso de transición política en España e tratabase da primeira victoria electoral da esquerda en Betanzos que recuperaba o goberno municipal e o orgullo e a dignidade dos “perdedores” despois de 40 anos de dictadura fascista e de represión brutal. Aquela victoria foi tamén, en grande parte, froito da movilización social especialmente do movemento veciñal máis reivindicativo (Asociacións de Veciños da Ribeira, da Ponte Vella, etc.) e do movemento cultural pequeno pero moi activo e ideoloxizado (Asociación Cultural Betanceira).

Co paso inexorable dos anos, o goberno local do PSOE foi desideoloxizandose ata chegar a convertirse na forza política máis importante de Betanzos que aspirou a concentrar o electorado de esquerdas e de dereitas nun partido único.

O proceso de dereitización do PSOE local só pode explicarse no contexto en que se pruduce: a profunda crise da esquerda nun mundo cada vez máis globalizado, o período de goberno do PP de Aznar e, sobre todo, a fonda pegada que deixou en Galiza o goberno presidido por D. Manuel Fraga ao que terminaron por imitar moitos lideres locais, tanto na dereita como na esquerda deslumbrada polo espellismo da indiscutible rendabilidade electoral do chamado “clientelismo” ou a súa versión enxebre o “caciquismo”.

A desaparición do PCG de Betanzos, que fora a principal forza política da esquerda local, con 3 concelleiros, con máis militantes que o PSOE, coa influenza da central sindical máis forte –CC.OO.-, facilitou o camiño ao PSOE para xirar á dereita sen temor a perder electorado pola súa esquerda.

A desmovilización social das antaño reivindicativas asociacións veciñais –en parte porque o goberno do PSOE soupo atender as máis importantes reivindicacións do movemento veciñal mellorando e dotando de servizos aos barrios máis degradados e esquecidos da cidade- e a desaparición da crítica ácida procedente da xuventude e da Asociación Cultural Betanceira, debilitaron o tecido social fronte ao goberno municipal.

Neste contexto, o goberno municipal e a dirección local do PSOE apostaron decididamente por ocupar o espazo político da dereita en Betanzos para perpetuarse no poder local.

O modelo de “clientelismo político” imposto polo Goberno de Manuel Fraga foi seguido case mimeticamente polo goberno municipal de Betanzos. A esencia deste modelo consiste en que non existen cidadáns senón súbditos, non existen dereitos que o poder debe garantir senón favores que o poder outorga aos súbditos. En consecuencia, non se estableceron canles de participación real e efectiva dos cidadáns nos asuntos públicos, non existe transparencia na xestión pública, desactívanse na práctica os mecanismos de control ao goberno municipal, a política de emprego público non garante os principios de igualdade, mérito e capacidade, etc..

A dereitización ponse mesmo de manifesto na desideoloxización do PSOE local. Evítase a toda costa a confrontación e o debate de ideas coa dereita e se opta pola denigración e o ataque persoal á oposición de dereitas porque a pretensión real é ocupar o espazo da dereita e atraer cara ao PSOE aos votantes potenciais do PP. Esta estratexia deulle un grande resultado ao alcalde de A Coruña, D. Francisco Vázquez. Tamén en Betanzos deulle bos resultados ao alcalde D. Manuel Lagares que nas eleccións municipais viña obtendo os votos suficientes para gobernar en solitario por maioría absoluta, mentres que o PSOE perdía repetidamente en Betanzos as eleccións xerais e autonómicas. Esta estratexia de gañarlle o espazo político á dereita tivo o seu punto máis álxido na capitalización dos actos relixiosos de Semana Santa –que xa tiña desaparecido en Betanzos e foi “resucitada” polo Goberno do PSOE de Betanzos. Así, o PP quedaba case sen espazo político en Betanzos.

A desmobilización do PSOE por parte da súa dirección local –afastando aos disidentes e impedindo calquera crítica á dirección e ao goberno municipal- foi tamén un dos aspectos clave para poder desenvolver esta política de dereitas nun partido que se autoproclama herdeiro de D. Pablo Iglesias ou do ilustre betanceiro e deputado da República Sr. Beade.

En fin, con estes mimbres, o goberno local do PSOE asentou o seu poder co apoio de tres grupos sociais: o sector inmobiliario, o sector hosteleiro e o sector de empregados municipais.

Ante o sector inmobiliario o goberno municipal renunciou á función pública urbanística: non se aprobou un plan xeral de ordenación municipal con participación real e efectiva da cidadanía, non se activaron os mecanismos legais nin o patrimonio público de solo para construír vivenda suxeita a algún réxime de protección pública, non se levou a cabo unha verdadeira política de participación da comunidade nas plusvalías xeradas polo plan.

Ante o sector hosteleiro a Administración municipal tamén renunciou a unha ordenación do turismo en Betanzos, primando sempre os intereses do sector sobre os cidadáns que viven nas rúas da “movida”, fomentando innumerables e cutres festexos para atraer aos visitantes, e sen ter en conta o incalculable valor do patrimonio cultural e natural que encerra Betanzos –que é a súa principal vantaxe sobre as demais cidades e vilas de Galicia e de España-.
Pero nos últimos anos as cousas veñen mudando. As políticas basadas no “clientelismo político” que foran implantadas con éxito pola dereita galega e seguidas polo PSOE de Betanzos, entraron en fase de crise terminal despois da victoria electoral da esquerda galega que goberna en coalición o PSOE e o BNG.

Nas anteriores eleccións municipais de 2003, a esquerda de Betanzos escomenzou a rexurdir da man do BNG local que conseguiu 3 concelleiros (igual que os 3 concelleiros que tivera antaño o PCG). O BNG creou espectativas de cambio cun programa de goberno ilusiónante baixo o lema “Outro Betanzos e posible” e a promesa de incentivar a participación cidadán e a transparencia na xestión municipal. Asumiu as responsabilidades de gobernar en coalición co PSOE pero non foi quen de alterar minimamente o rumbo político que con man firme mantivo o veterano alcalde do PSOE.

O BNG tivo unha aceptable pero discreta xestión administrativa nas áreas que se lle encomendaron, pero a dirección política do goberno local seguiu sendo marcada en exclusiva por D. Manuel Lagares. Así se puxo de manifesto nas decisións máis importantes que o goberno municipal tivo que adoptar en materia de urbanismo, ou nas que non adoptou nunca –participación cidadán efectiva e real, transparencia na xestión, selección de persoal, etc..-.

Ademais, nos últimos anos empezou a rexurdir o movemento veciñal. Non pode esquecerse que a mobilización cidadán máis importante nos últimos anos foi a da Asociación de Veciños Rosalía de Castro, cunha grande manifestación contra o goberno local polas obras de construcción dun aparcamento soterrado e outros problemas.

A esquerda oficial dos partidos de ámbito galego non foi quen de canalizar as enerxías dos cidadáns con inquedanzas de cambio político e social. O BNG limitouse a lexitimar a continuidade do proxecto político dun alcalde con máis de 22 anos no poder. Nin sequera o PP era quen de dar a alternancia no poder local porque o espazo político da dereita –o seu electorado natural- estaba en parte capitalizado polo alcalde do PSOE-.

O descontento dos cidadáns e o seu convencemento de que as forzas políticas oficiais non eran capaces de introducir o cambio necesario no poder local levou a un fato de disidentes á creación dun novo partido independente CxB cun único obxectivo claro: rexenerar a política local e renovar a alcaldía. A democracia non podía ser real e efectiva cun alcalde que levaba máis de 22 anos no poder local. Realmente, as persoas que integran ese partido proveñen de posicións ideolóxicas moi dispares –desde a dereita ata a esquerda, desde o nacionalismo ao centralismo- e carecen dun proxecto político definido. Previsiblemente este novo partido entrará en crise cando se enfronte ás primeiras decisións controvertidas. Pero o obxectivo de CxB está cumprido e o seu esforzo pagou a pena. A grandeza do sistema democrático non é que poidamos elixir ao gobernante, senón que poidamos botalo do poder.

A ausencia da máis mínima autocrítica no PSOE e no BNG é realmente desesperanzadora. Parece que todo se debe a unha traizón de CxB que se negou a votar por D. Manuel Lagares.

Ogallá este novo goberno de dereitas serva para que o PSOE e o BNG poidan renovarse e recuperar o seu espazo político natural –o socialismo democrático e o nacionalismo de esquerda-.

O Ateneo Libre Pensamento tamén pode xogar un papel relevante na política local –pensando globalmente e actuando localmente desde a esquerda-.

Forza e saúde.

Suso García dijo...

Pasamos este comentario a noticia porque penso que pode dar lugar a un debate interesante.