16.3.07

Psssss Hai alguén por ai?

MANIFESTO DE PRESENTACION DO ATENEO "A OUTRA MIRADA".

BETANZOS MARZO DE 2007


QUEN SOMOS:

Os abaixo asinantes, persoas sinxelas e simples, pero dignas e rebeldes, que amamos a vida que desborda as paisaxes da terra; que procedemos: unhas, de pequenas batallas cotiás nas que, caladamente, tamén se loita por un mundo máis xusto e máis libre, e outras, de movementos sociais e políticos...; en fin, SERES HUMANOS que, modestamente, desde os escenarios nos que nos situou a nosa historia individual, tratamos de loitar polos dereitos colectivos que nos identifican como tales.
Escépticos e preocupados cun panorama político dominado polo marketing electoral, dende o cal os políticos profesionais pelexan polos despachos máis que polas IDEAS; pero convencidos de que a historia da humanidade é unha historia de LIBERACION, con freno e marcha atrás moitas veces, si, mais firme no propósito de xerar unha humanidade máis libre, capaz de atopar o seu espacio na paz, na igualdade, na xustiza, en harmonía co seu entorno:
DIRIXIMONOS a tódolos corazóns honestos para explicarlles, con humildade, como vemos o mundo, que queremos facer, e para INVITALOS a que, camiñando connosco, ORGANIZARMONOS XUNTOS para levantar a voz coa determinación que xurde da idea de que OUTRO MUNDO non só é posíbel, senón imprescindíbel.


COMO VEMOS O MUNDO:


O noso mundo está en CRISE. Unha crise na que nos xogamos o noso destino como especie; da que podemos saír máis libres e humanos ou rotos nun planeta no que apenas teremos cabida.
Os síntomas da CRISE que nos toca vivir nos albores do século XXI inclúen aspectos sociais e ecolóxicos:o aumento da pobreza no mundo, incluso nos chamados países ricos, é palpábel; a fuxida da fame e da miseria que xeran as guerras e a desertización produce correntes de emigración que desequilibran as sociedades; os dereitos sociais conquistados ao longo de anos de loita están en perigo en todo o planeta. Quén non oíu falar do cambio climático, da escaseza de auga ou da perdida da biodiversidade e da ameaza que estes procesos supón para toda a humanidade?.
A inxustiza. O 25% da poboación vivimos nos países ricos, nos que consumimos o 80% dos recursos do planeta. O rastro ecolóxico de 80 millóns de alemáns è maior que o de 900 millóns de hindús. Segundo os expertos, para que todos os seres humanos que habitamos a terra tiveramos o mesmo nivel de consumo que os estadounidenses, farían falta os recursos de ­catro planetas como o noso!. O certo é que mentres desde os países ricos esquilmamos a terra, a factura págana nas zonas máis deprimidas do mundo. Sequías, guerras alimentadas desde o Norte rico pola apropiación dos recursos. Guerras polos bens escasos e imprescindíbeis para a vida: a auga e a terra fértil. Ao mesmo tempo que a desertización empuxa a emigrar ás xentes dos países máis pobres, o Norte rico pecha as súas fronteiras e criminaliza estes fluxos de poboación, favorecendo con iso a explotación e provocando un rexurdimento da escravitude.
Uns problemas provocan outros, sen que ningún lugar nin persoa poida librarse. A crise ambiental evidentemente non coñece fronteiras. O cambio climático xa non é unha posibilidade, senón unha realidade, que nin os aparatos propagandísticos do poder poden ocultar. Movementos migratorios como os que hoxe coñecemos intensificáranse e afectarán a zonas máis amplas do planeta.
A explotación dos traballadores tampouco coñece fronteiras. As constantes chamadas aos recortes no "estado de benestar", á reducción de salarios e ao incremento das horas de traballo son consecuencia directa dun modelo de globalización que solo globaliza os mercados e non os dereitos sociais.
A lista das empresas deslocalizadas cara a rexións do terceiro mundo, con salarios de miseria e sistemas de producción agresivos para o medio natural e social, invita á crase traballadora dos países desenvolvidos a renunciar ás súas conquistas históricas en aras da competencia. A situación de desprotección dos inmigrantes non fan senón agravar este problema.
Á innegábel presencia destes elementos de crise hai que engadir outros que son "problemas colaterais": por todo o planeta estendeuse (mellor dito, o poder estendeu) unha cultura de resignación que non só contamina a doutrina e as prácticas políticas herdadas da historia do pensamento, senón que, tratando de xustificar o "fin da historia", impregna o comportamento colectivo coa desazón e a apatía, convenientemente aderezadas con individualismo e consumismo. Mentres funcione, aínda que sexa en precario, o "sálvese quen poida", a ideoloxía que sustenta as actuais estructuras de poder non parece correr perigo ningún.


PERO NON TODO E DERROTISMO...

A esperanza e a utopía tamén camiñan por todo o planeta.
Nas rexións periféricas do mundo, aquelas ás que o imperialismo económico e militar sumiu na pobreza, poderosos movementos sociais organízanse para contestar ao NEOLIBERALISMO, ao CAPITALISMO. E a nivel global, o movemento altermundista, o movemento de movementos, a través dos distintos Foros Sociais Mundiais está creando, senón un programa altermundista que defina o qué facer?, si unha nova conciencia planetaria de que algo ten que cambiar, de que outro mundo é posíbel, de que hai que rematar coas políticas neoliberais e establecer a xustiza global. En definitiva: está recuperando o INTERNACIONALISMO.
Ás veces as árbores non nos deixan ver o bosque. Entón é cando nos perdemos. Ver e pensar o que ocorre no noso mundo require información, pero o consumismo informativo produce cegueira. Sería convinte preguntarnos, cando miramos ao mundo, se non debésemos de cambiar as lentes coas que o vemos.
Ou quizá nos faga falta outra cultura; unha que enfoque o mundo dende o corazón humano. Unha cultura na que teña máis importancia o capital humano que o capital diñeiro. Unha cultura que respete a xeografía de todas as cores, a xeografía de todas as palabras.Unha cultura que, ademais do "saber", se instale no "ser", que son dous verbos que tan só poden levarnos a unha única conxugación posíbel: á SOLIDARIEDADE, esa especie de telaraña amorosa que fai que un corazón solitario sexa un corazón. E así, con esa cultura, entendernos e entender o que sucede ao noso arredor, para, "pensando globalmente e actuando localmente", vivir pensando no que somos: SERES HUMANOS!


QUE QUEREMOS FACER?:

Compartir e reflexionar son dous verbos revolucionarios. Para que sexamos menos revolucionarios, o poder dános tanta información como sexa necesario para desinformarnos; convéncenos de que o importante é o que temos, non o que somos. E nesa dinámica, que interiorizamos desde que nacemos, ímonos illando, facéndonos competitivos, ata que nos anulamos como donos da nosa vida e da nosa historia.
Pois ben, para empezar a recuperar vida e historia, os abaixo asinantes CONVOCAMOS a todas as persoas honestas (de un a cen anos, ou máis), á creación dun NOVO LUGAR DE ENCONTRO en Betanzos. Un ESPAZO para o debate, para compartir información; para dar a palabra aos sen voz; para desvelar a historia da resistencia no mundo; e, en definitiva, para desde o "local" contribuír a transformación do "global".

Un ateneo, o ATENEO A OUTRA MIRADA de Betanzos.

O Ateneo non pretende ser un "partido", nin un "grupo cultural", nin unha "peña de amigos". O Ateneo intentará consolidar unha organización que ofreza preguntas e respostas de todo aquilo que as esferas do poder apartan dos seus programas, ou que os medios de comunicación ocultan ou terxiversan.


CÓMO?:

Coa realización de proxeccións, talleres, conferencias, charlas e debates sobre todo tipo de temas, locais e globais; coa creación dunha biblioteca/videoteca e dun fondo de documentación alternativa.
Todo isto, evidentemente, require de medios, humanos e económicos:
Humanos: esforzo, entrega, paixón, motivación, sabiduría, tempo.... e todo iso a cambio de..., simplemente, a necesidade de recuperar o "encanto".
Económicos: co fin de autoxestionarse, unha aportación que, cada un dependendo das súas posibilidades, establézase para empezar a camiñar.



Por iso, se queres compartir (ou axudar a construír) este proxecto, ponte en contacto connosco neste enderezo:


ATENEO LIBRE PENSAMENTO
Ap. Correos 95. 15300 Betanzos
ateneobetanzos@hotmail.com
http://aoutramirada.blogspot.com/



PD. Aviso (lembrando aquilo de "quen avisa non é traidor"):
A veteranos "profesionais": isto non é un clube para defender "intereses políticos", e dicir, para conseguir "votos".
A principiantes "profesionais": tampouco é un clube "súper guai", "chupi mola que te cagas" para xogar a ver "quen é máis roxo".
Non, isto é outra cousa: algo serio, honesto, na cal os medios e os fin son inseparables.
PD. Penúltima. Dende a morte de Montalbán, Pepe Carvalho estaba triste e constantemente repetía: "non o entendo"....."non o entendo"......"non o entendo"...... Canso de escoitalo, Biscuter preguntoulle: “¿que é o que non entendes?”. El, con sinceridade, respondeulle: “non entendo porque os paxaros non voan de noite se agora xa teñen luz!”
PD. Derradeira, para non cansar. Grazas por lernos!.

8 comentarios:

Xulio Trigo dijo...

Eu creo que todos temos intereses políticos, o problema e que á maioría da xente querenlle facer crer que a política é o que vemos hoxe en día e só iso, cando a política ten pouco que ver co espectáculo actual e con traballar só en base electoral.

Xulio Trigo

Anónimo dijo...

Si, también creo que es así. Pero la idea central es quienes transformamos o no las sociedades -y el mundo- somos las personas, no las ideas. Uno de los fines de este espacio de pensamiento (y más) compartido es ampliar el punto de vista que tenemos de lo que nos rodea. Superar las murallas que nos dan seguridad...y que nos oprimen. Ser más humanos y más libres. Y así empujar ese otro mundo que reivindicamos.

Suso dijo...

Pois para min o principal é buscar non o que une na ideloxía (a teoría) se non o que nos une na acción diaria( a praxe).

blancolexitimo dijo...

O poder querenos a cada grupo subido na sua figueira, disxuntos.

Mentras esteamos asi alabara o noso discurso dicindo que aportamos ideas para o futuro do pais. Sempre falando de futuro, porque o presente controlano eles.

E non deixamos de ser unhas marionetas, mais ou menos lucidas, pero marionetas.

Pero cando se crea unha corrente que e capaz de incorporar a todos eses colectivos e pensar en presente, todos, repito todos, se poñen de acordo en facernos frente.
Sabido e que hai menos diferencias entre eles, que entre eles e nos.

¿Estamos dispostos a permitir que nos sigan falando de futuro?

Se xa os estudiantes parisinos do 68 escribian nos muros: "No tomes el ascensor, toma el poder", ¿por que non plantexarse o mesmo?

Suso fala ben de union na praxis (un e o que fai e non o que predica), pero esa union pode basearse en tres puntos programaticos ou en 30.

Xulio e Pepe coinciden en cambiar as persoas para cambiar a sociedade, pero para poder facelo hai que chegar a elas, baixar da figueira e pringarse.

En fin, saudo o nacemento do Ateneo no que, se as circunstancias nas que ando metido fosen outras, non dudaria en participar.

Sorte

Xulio Trigo dijo...

Blancolexítimo fala de baixar á area e estou de acordo con el,pero considero que no se pode facer de calquera xeito, non se pode facer un proxecto á contra, para que outros non gobernen, ten que ser un proxecto de ideas. Primeiro está a idea, a ideoloxía ou o que queres conseguir e como, si prefires e apoñelo a outros proxectos.
Na miña opinión o proxecto no que estás traballando carece de futuro por esa falta de ideas que esten detras do xuntarse unha personas. Si acabades na oposición poderedes durar un pouco máis, non moito, porque a carencia de unha ideoloxía que vos una vai a facer que aparezan diferencias na apreciación do problemas e no método de afrontalos que faran comezar as divisións, nunca se ten todo previsto por moito que pareza, moito menos sen que ningún de vos teña esperiencia en xestión municipal. Si acabades por unha pirueta das urnas, no goberno, ao final, e repito é unha apreciación personal, a vida do voso grupo será moito máis curta porque empezaran a verse as diferencias irreconciliables desde o primeiro día e iso non e bon para vos pero fundamentalmente para Betanzos.

Remato, non quero ser pesado. Non é certo que na política municiplal non exista ideloxía, é falso, a ideoloxía está detras de cada proxecto e detrás de cada actuación e se non se comparte cos compañeiros que te apoian por fora máis cedo que tarde acabarás só pensando que carallo fas alí.


Xulio Trigo

Anónimo dijo...

)A(

grande iniciativa parabéns dende Ourense!

Ermitaño nº 21 dijo...

Parabéns tamén dende entre os toxos, pero non podo evitar botar un riso...
Estas iniciativas sempre son benvidas e todos/as as aclaman...Ate coido que no fondo todas/os pensan o mesmo.... pero nunca nos aclaramos, perdémonos na dialectica (estou dacordo, PERO...; tamén creo que é así, PERO...) cando non se acaba a ostias...e os "outros"; uns, grandes e libres; comen-nos as papas diante dos fuciños (cando non mexan por nós)
Supoño que nestes tempos de velocidade é importante ser rápido tamén, tanto na teoría como na práctica...pero tamén é importante gana-lo caldo para tódolos días: primeiro cambiar traballo por cartos (da igual cantos, o importante é que sexan eeuuros...cantos mais millor, claro) e despois de devolverllos ó banco a cambio de nada, cambia-lo mundo (se me queda tempo, e se teño ganas....).
Ás veces penso que son un depresivo (de merda) e avergóñome (por ser de aldea e "roxo" e sufrir males urbano-capitalistas).
Vivimos no capital, é a única maneira de acabar con el é botándose fora... pero síntome tan so cando o fago...
Ánimo e sorte.
Saúde e aleghría!!
Pd:tamén me da vergonza definirme como anarquista e ter internet, tomar produtos de multinacional (cervexas, refrescos, xeados, larpeiradas, comida,....),posuír unha vivenda ó meu nome, ter protatil, ter coche... dar cartos a cambio de todo.......coido que este é un dos grandes problemas da humanidade: os cartos e as propiedades privadas....
Pd2: en tempos fun un loitador das libertades, pero farto de "divisións internas" e "fraudes ideolóxicos" preferín mercar unha vivenda e facerme un "cidadán de ben". Agardo de vós honestidade e esperanza na loita, pra solidarios/revolucionarios de profesión e políticos de pastel xa sobran dos que hai. Como para vir mais....

Saúde, alegría e libertade.

a fronte anarquista agraria resiste debaixo dos toxos!!!!
alimentar ás persoas tamén é digno!!!!

Anónimo dijo...

Hola. Quería preguntar si no hay uan versión en español de este manifiesto. Es que somos unos chicos de un pueblo de extremadura que queremos montar un ateneo, y estamos buscando una base para hacer unos estatutos o un manifiesto como el vuestro. Este nos gusta, pero es que algunas cosas no las entendemos bien, de ahí nuestra petición. Si fuese posible contactar a marxpantani@hotmail.com. Un saludo.